Saudando airoso achegácheste e déchesme unha aperta. Pero qué guapa estás, murmuraches no meu oído mentres sentía o teu peito arroupado contra o meu. A túa fragancia embriagou o aire. Eu deixeime estar, remisa ao ademán de separarnos. Preferín ficar alí, aniñando na nada que afrontar un adeus definitivo. Só me quedaban un par de frases baleiras ata que tivésemos que sentenciar unha saída a esa ficción, ao noso, a esa aventura imposible que ti comezaches e que agora tiña que rematar. A carreira alborotada duns nenos fíxonos espertar do que non era, e comezamos a camiñar.