Cando chegaches á nosa vida, tan pequena, engurrada e negra, revolucionáchela por completo. Con só 2 meses fuches arrancada da túa familia biolóxica. Só precisamos cruzar unha mirada para sentir que o noso era un amor para toda a vida. Cousiña petouta, veña a chorar polas noites, e nós, sen saber ben como calmarte. Consellos de expertos, moitos. Non meterte na nosa cama que logo ata os 10 anos non saes, non moito colo que logo te acostumas e non aprendes nin a camiñar soa. E agora, con xa 6 anos,  espertas paixóns e levantas miradas de quen aprecia a túa beleza exótica. Lista coma un allo, sabes usar esa ollada tristeira para acadar todo o que queres. Eu penso a cotío, “dime que me queres”, máis sei que dos teus belfos non sairán palabras humanas xamáis. Cun lambetón confórmome… É que so che falta falar, miña cadela.