O mencer atopábaos abrazados no leito que compartían cando as treboadas doblegaban árbores e desbordaban regueiros ou a xiada facía renxer  a codia da terra como pan torrado debaixo dos pes.

-Dime que me queres – dicialle el ocupando o leito da morte. Ela rozáballe os beizos cos seus antes de colocar a tapa. Despois poñía o molete sobre a cabeza, para amortiguar o peso, e botaba andar con aquela pesada carga ata onde agardaba o resto dos mortos vivintes.

Serafina era carregadora de cadaleitos. Mais desde facía uns anos  xa ninguén lle preguntaba pola esquela do defunto.  Abondaba con  observar as pegadas que deixaba nos camiños para saber se o cadaleito ía destinado a tragar o refugallo da morte, ou se o enchía a vida  do seu home, a quen tentaba arrincar  das feroces garras da carroña asasina, desde aquel verán do 36.