Laura, collera os zapatos a xogo co bolso para aquel vestido de  tea cara mercados nunha oulet, cando escoitou xirar a chave  na pechadura.

Sentiuno detrás, disposto a iniciar o ritual de macho dominante que vén de pasar a noite fóra.

-Anda, dime que me queres- soltoulle na caluga, atufando a  alcool, súor e efluvios de muller allea, mentras intentaba sobala por debaixo do vestido.

Ela xirouse co  zapato de tacón de agulla na man, como eficaz amuleto repelente, contra a embestida do vampiro

-Para min nunca te vestiches asi.

– Ti  sempre me  preferiches espida- respondeu lacónica  mentras remataba de calzarse.

Agarrou o bolso, saíndo daquel tortuoso labirinto. Fóra, as raiolas   daquela mañá de outono, envolvíana na suavidade da cachemira, mentres avanzaba ao compás da  marcha triunfal que, sobre o pavimento, interpretaban os zapatos novos de tacón.