Dime que me queres mentres me desangro, dimo entre saloucos entrecortados, igual que mo dixeches a primeira vez, chorando arrepentido, agarrándote ás miñas mans como quen se aferra a un salvavidas. Lémbrame como rematei por chegar ata aquí, botada no chan da miña cociña, sen saber se vou ver outro día, sen saber que pasará cos meus nenos se morro. Dime que non foron os inquisitivos controis a miña presenza, as prohibicións, a autoritaria custodia da miña intimidade, os celos. Seica tiñas razón ao facerme sentir vergoña, sentirme merda, sentirme nada, saberme responsábel de facer as cousas mal, de espertar a túa face violenta. Veña, milhomes!, hai tempo que non o fas, dime que me queres, dimo unha vez máis para facerme por unha vez, por fin e para sempre, libre de non quererte, si, dimo antes de que o veleno da copa que bebes comece a corroerche as entrañas.