Dime que me queres, veña. Dime que me queres! coma cando me partiches a boca e logo chorabas ao pedir perdón, ou coma cando me obrigabas a deitarme contigo naquelas noites que chegabas contento despois de saír por aí cos teus amiguiños, e eu aturaba o noxo de terte enriba de min, abafando co teu cheiro a alcol e tabaco rancio, calada soamente por non espertar á nena, e desexando que remataras dunha vez ou quedaras durmido.

Agora estás aí caladiño, xa non me dis nada. Papouche a lingua o gato? agora que xa non es quen de facerme máis dano, agora que xa non podes abrir a boca para enganarme de novo dicíndome que é a derradeira vez, que nos queres moito ás dúas, que non podes vivir sen nos, que se marcharamos serías capaz de calquera tolada. Xa non podes facernos mal, hoxe volvo a sentirme muller.