Quince anos xuntas. Dende que collías na palma da miña man. Toda unha vida.

 

A medida que percorríamos aquel último camiño, contigo no meu colo, sentindo como te pegabas a min, repasaba todos os momentos vividos. Non podía deixar de mirarte sabendo que ao final xa non te sentiría mais. Aperteite desexando que o fin non chegara xamais.

 

Naquela fría mesa metálica, envoltiña nunha manta, ficamos as dúas mirándonos aos ollos. Nunca esquecerei aquela mirada, sincera e transparente. Dicía tanto sen unha soa palabra… “Grazas por todo, polo feliz que fun, polo que desfrutamos, polo que me quixeches. Dime que me queres unha vez mais, que me botarás de menos.” “Quérote miña rula, tanto como a ti a min. Déchesme tanto… E agora descansa que eu estarei aquí contigo.”

 

Pechou os ollos e un anaco do meu corazón secou co seu derradeiro alento.