Sensación estraña na que a nosa alma se atopa refuxiada no máis profundo do noso ser. O noso corazón bombea sangue negro para avisar ao resto do corpo de que se aventura un perigo. Todos os músculos se atopan ríxidos coma o aceiro. Os ósos están rodeados dunha néboa densa da que son incapaces de saír. A través dos nosos ollos só se ve un mundo de escuridade, un mundo no que as portas nos acollen para protexernos do gran perigo.

O medo, unha capa negra semellante á dun zombi que se quita e se pon ao antollo de cadaquén. Un diaño malvado que vive no inferno e só fai ben cando dorme.

Unha serpe que percorre vidas e momentos. Un puñal asasino que non para ata acabar connosco. Unha loita contra o reloxo da que non saímos facilmente.

Eu vino varias veces mentres durmía. É un espírito vivo do cemiterio.

Teño medo.

Mírome no espello e vexo unha persoa enferma. Paso a miña man pola cabeza calva

e penso:

Teño medo.

Levo un ano de quimio; todo ía ben, pero torceuse. Cada día atópome peor e só

penso:

Teño medo.

Cando o médico me di que o cancro se volveu terminal, penso:

Teño medo.

Teño medo da morte, da inexistencia.

Pero saio do hospital, vou cos meus amigos, coa miña familia e, como persoa que

son, penso:

Teño esperanza.