A cama desfeita

Remexeuse entre as sabas loitando por se librar da colcha. Era aínda de noite e espertara boquexando, sen osíxeno. Estarricouse coma un nadador e deuse conta de que fixera o camiño ó revés, estaba no fondo da cama. Turrou da saba con forza, pero o peso do seu corpo facía pinza e non foi quen de retirala. Desistiu. Ardíalle a gorxa e doíanlle os brazos de erguer a roupa sobre a cabeza. Deu volta reptando, atopou a almofada no medio da cama, pelexou con ela para deixala atrás. Non daba atopado o cabeceiro nin as beiras. O calor era abafante, non daba respirado. Trabou a saba baixeira e tirou ata esganar os dentes. O lenzo rachou, os pulmóns estoupáronlle, rabuñou o colchón ata facer un buraco. Meteu a cabeza entre a escuma e os ferros. Furou todo o corpo, brazos e pernas. Tras del quedaba a tea cosida.