O sol loce no fermoso ceo azul, corro e brinco polo sendeiro que percorre entre as frondosas árbores ata chegar o cume do monte. Dende aló enriba vense pequenos pobos espallados pola ladeira.

Séntome na herba verde e fresca salpicada de pequenas margaridas, mentres o vento me acaricia a face e xoga co meu pelo.

Cavilo que fermosa é a vida, dou grazas a Deus por a toparnos, só pensar en ti éncheme de ledicia, faime sentir viva.

Ti que me envolves ca túa luz, me colles da man e me arrastras a un mundo máxico. Ti que me bicas unha e outra vez mentres me susurras, – Dime que me queres, como se non souberas que te quero a morrer.

Miro o ceo salpicado de grandes nubes brancas, quedo pasmada cara elas, unha semella un Castelo, outra un corazón, e rio leda, semella que o amor está en todas partes.

Dóenme tódolos ósos, non atopo postura nesta cadeira, non podo deixar de mirar o meu velliño, a dor non o deixa estar quedo, non atopa sosego.
O seu ollar está perdido nalgún punto do teito, os beizos apertados, o corpo agarrotado contraído pola dor, os seus dedos aférranse ós meus tan forte que teño a man sen circulación. Da súa gorxa sae un murmurio, non podo entendelo, o seu corpo volta a convulsionar outra vez, Deus teño medo, chamo a enfermeira, mil bágoas esbáranme polas meixelas e mollan o peito de meu pai.
Choro e rezo mentres a morfina o somerxe nun soño profundo ao meu proxenitor.
Quedo adormecida un intre, cando esperto non escoito a súa respiración sibilante, o pánico apodérase de min, desesperada axítoo, chámoo e bérrolle..
-Papá esperta, abre os ollos..
-Papá, non me deixes, apértame forte, dime que me queres, volta papá.