A canción

Naquela casa morrera un rapaz atrapado nun incendio. Non puideran sacalo a tempo e desde fora escoitábaselle cantar, sabendo que chegara a fin. Transmitía unha paz macabra. Os bombeiros apuraban a extinción desesperados cando deixaron de escoitar a súa voz. Máis tarde, atoparían o corpo inerte.

Anos despois, Clara fora vivir a aquela mesma vivenda e, cada noite, escoitaba a melodía do moribundo. Soaba enorme, coma se tivese toda unha orquestra tocando no cuarto. Ela cubría a cabeza coa almofada, intentaba afogar a canción da morte, pero era en van. Polas mañás espertaba fatigada e polas noites medraba no seu peito o temor á escuridade e ao escuro son. Que era? Que quería aquela ánima?

Chegou o día de defuntos e a moza Clara semellaba estar entre dous mundos, cabeza e espírito deambulaban pola terra coma se xa pertencesen a outro lugar. Escoitou a música e finalmente ela tamén cantou.