Penélope cambiou o continuo tictac do espertador que trouxo de Holanda por un aparello chino moito menos interesado no tempo. Aínda con menos interese, ao seu carón, Ulises agradecía o silencio.

A media mañá, a súa muller, erguía o peso dos dous. Heroicamente xuntos, cruzaban o corredor baixo a mirada das fotos dos fillos. Na cociña, Penélope tecía o almorzo xirando con coidado os envases cara a memoria de Ulises.

Almorzar xuntos, xantar, tomar a parva e que a tarde caia polo lados.

-E dime que me queres, Ulises?

E a mirada del adiantaba un si que se facía esperar.

Penélope abrazábao con forza e, con todo seu peso, tiraba de Ulises fóra da cociña. Cruzaban o corredor, onde as fotos dos fillos lle daban as costas unha a unha. Despois, deitábanse no silencio do cuarto.

Namentres Ulises xa durmía, Penélope aínda tiña que destecer os recordos.