Sentía o frío a morderlle na pel, naquelas mans súas tan pequenas. Os seus dedos estaban aferrados ó arco de madeira, que apuntaba cara o chan. Ela movíase con sixilo entre as gallas baixas das árbores, seguindo aquel rastro que parecía non ter fin. Pingas vermellas aquí e acolá, coma se dunha mensaxe sombría se tratasen.

Cando chegou a curva do río, viuno alí. A súa pelaxe negra, en contraste coa cor da neve sucia, que o enchía todo.

O lobo levantou a cabeza, pousando aqueles ollos tan verdes nela. Ensinando os dentes, avanzou cara a rapaza, deixando ver tras de si os restos da nena. Da súa irmá.

Ela afogou unha náusea.

As súas mans aferráronse máis forte no arco… ata que onde estaba o lobo, apareceu un rapaz.

—Dime que me queres —falou el, cunha voz ronca.

No corazón do amor da súa vida, ela disparou a frecha.