O son das chispas

O lume era música na casa baleira. No murmurio das lapas resoaban aínda os cantos do xentío no cemiterio. Mais o ritmo sincopado das chispas rebotaba nas paredes e traía de novo, inevitablemente, a soidade. Como non achegarse buscando un pouco de calor?

Fitou no lume mentres pelaba as últimas castañas. Mañá comería a outra metade. Outra vez asara bullotes para dous.

Mirou alí onde nace o lume. A ese punto onde o laranxa, o negro e o azul son case a mesma cor. Naquela incerteza cromática viu pestanexar uns ollos. Nunca tivera claro de que cor eran.

No mexer das lumaradas viu o seu corpo aloxándose. Bailaba só os puntos e quería bailar con el as voltas. Non lle quedou outra que seguilo.

Meteu a outra metade das castañas no peto.

E queimáronse.

Pan de ánimas

Recordo que a miña avoa só empregaba a fariña negra na véspera do dia de defuntos. Batía na masa mentres me dicía que aquel día era o máis perigoso para unha pousada, pois os hóspedes daquela noite non eran do noso mundo, e non coñecían diñeiro ningún. Por iso aquela fariña, que daba alivio a todos. Eu non cría ata que, a primeira noite que me tocou, vin como as habitacións se enchían de xente, e ao día seguinte todas as portas e contras amañecían abertas, e as habitacións baleiras.

Non me gustan eses bolos, pois vexo como lle deixan as mans á miña avoa, negras e cheas de cortes, que a veces se lle abren, tinguindo o pan dunha cor que non quero dicir, pero son importantes para a nosa familia, pois se algún de nós enferma, non tarda en comer o seu bolo, e deixar a porta aberta.


María, Maruxa e Marica

Na noite de Defuntos baixamos ás agachadas ata o río. Quedou a porta aberta, cruzamos as eiras, corremos coa melena ao vento. Tres cativas murmurando na escuridade do río. Tan rideiras, non nos decatamos do crecer da auga, comeunos a corrente, levounos ao fondo sen aire. Morremos as tres irmás. Pero nunha volvemos á casa.

Nós eramos moitas e o corpo cativo, así que colliamos quenda de novembro a novembro. No ano de María, non se falaba, quedabamos mirando o fondo das habitacións. Cando eramos Maruxa, ardían as cousas. Só ao vir Marica gozabamos dos meses falangueiras e divertidas. Tres, e volta comezar.

Pero un de cada tres non abonda. Nestes Defuntos, as cativas discutimos no río. Queremos rir sen parar, queimar sen parar. Tan amuadas, as outras non me senten crecer, comelas, deixalas sen aire. Morren dúas irmás. E eu por fin volvo a casa a soas, María.

Necrópole

Fai tanto tempo que marchaches, mamá. Eu penso sempre en ti, imaxínote comigo, ao fondo deste nicho. Só che podo escoitar hoxe, e ti nin sequera pensas en min. En min aquí, pois vesme ao teu lado, xogando ás agachadas. Pero ese é outro que fai a miña voz, i el si que fita cara aquí, coa miña cara e os meus ollos, porque sabe de boa man que me deixou pecho.

Oxalá puidera contarcho, pero nin recordo a súa cara cando o vin saltar do nicho, tan pequeno coma min, sorrindo. Abrazoume e tirou de min cara o burato, mentres ria. Ría coa miña voz e chamábate a berros.

Este é o día de defuntos, pero eu non o estou. Non vou quedar aquí. Estou seguro de que se te acercas mamá, e descubro como abrir esta porta, abrazareite e poderei saír, facendo a túa voz.


Meniñas

Cando a vella cega desapareceu congostra embaixo, os da tenda retiramos a vista da xanela. Os parroquianos semellaban coñecela ben. Preguntei intrigado como a súa condición non a impedía para tales camiñadas. Respondeume a encargada:
– A malpocada perdeu dúas meniñas nun parto. Home e fillos bateron nela e abandonárona. Hai anos comezou a vir nos días previos a Defuntos a por tarriños de mel, para ofrendalos ás ánimas. Eu doullos de balde… Ela segue esperando a que volten as fillas a facerlle compaña… mais só conseguiu queimar os ollos por fitar deseguido o lume.
Continuei a miña ruta de noite, adentrándome nas primeiras horas de Novembro. As revoltas do camiño leváronme a unha recóndita e ruinosa quinta. A través dunha xanela puiden ver como o lume proxectaba as sombras dos tarros dispostos na cambota. A cega ollaba a lareira. Xogaba inqueda con anacos de pan, agardando oír as lapas bailar.

As sobras dos mortais

– Deixa iso! – reprendeulle a avoa ao neto, dándolle un azoute.

Ela apartoulle as mans do prato onde repousaban sete candeas acesas. No fondo, unha balsa de aceite rexeitaba a cera candente que se derramaba. O rapaz apagara unha e cuns mistos importados da capital volveulle prender lume.

– Para que serven os cirios?

– Hoxe, meu neno, é a noite de defuntos e cómpre que teñamos con nós a todos os familiares que morreron. As candeas serven para recordalos, mais tamén para que acaden o ceo o antes posible.

– Están aquí agora mesmo? – inquiriu el cun sorriso destemido.

– Si. As ánimas están a acompañarnos durante esta velada. Teñen ese don. Durante unha noite ao ano, poden visitar os seus familiares. É por iso que debemos coidalos e atendelos ben. Non lles ha faltar calor, nin comida.

– E que comen os espíritos?

– As sobras dos mortais.


O cirio da morte

A procesión de mulleres, vestidas de rigoroso loito, ía liderada pola máis vella da aldea. A lúa abesouraba aquel sabbat, acompañado dos lacrimóxenos ouveos dos cans. As escasas luces que alumeaban nas rúas apagábanse ao seu paso. Xilda non sabía onde se dirixían e sentía pavor por se era descuberta.

Ao pasaren pola súa casa, levantou a mirada e albiscou unha chama que reflectía contra a fiestra. Uns ollos pequenos fitárona e delatárona.

Para a súa nai aquela candea tampouco pasou inadvertida. Pensou en ter unha boa retesía coa súa filla adolescente. Mais, entendía a súa curiosidade. Ela fixera o mesmo.

O seu irmán, ao ver aquel cortexo espectral, botou a correr, encrequenouse dentro do armario e mexou por si do medo.

Cando chegaron ao cemiterio, a anciá elixiu a Xilda. Descubriulle o veo e entregoulle o cirio da morte. Ela púxose a chorar e nai desfaleceu do desgusto.

A descoñecida

Papá Antonino, cóntame a historia da descoñecida! insistinlle. Meu avó , fervente devoto do relixioso e escéptico do inexplicable, emitiu un non” seco e de escasa sonoridade. Así e todo, incómodo na súa poltrona, lembrou para min como cincuenta anos atrás, nunha noite serena e estrelada de outubro o imposible saíulles ó camiño ó meu tío Paquiño e mais el.

Unha áxil, esvelta e escura figura feminina deslizábase ante os seus incrédulos ollos a varios centímetros sobre o húmido e fértil chan, sorteando as viñas e sen deixar pegada ningunha. Quen é esa pantasma que aí vai,que nin saúda os veciños?berroulle o meu avó. Aquilo continuou o seu camiño lineal, nun percorrido no que valados e paredes se abrían ante ela para darlle paso e posteriormente esvaecerse.

Varias décadas despois, a lámpada do meu cuarto segue a alumear os meus pesadelos cando a descoñecida emerxe dos meus recordos infantís.

 


Cartel

Gran festival de Samaín! Concurso de disfraces e maratón de baile.

Os disfraces serán, preferentemente, prestados ou alugados, e deberán respectar a temática do Día de defuntos. Haberá dous premios a aqueles disfraces que mellor simulen o orixinal. O maratón de baile consistirá nunha sucesión de estilos e os participantes deberán actuar en todo momento de maneira coordinada. A única modalidade posible será a modalidade de parellas. Estas non poderán afastarse entre si máis de cincuenta centímetros en ningún momento.

No maratón será obrigatorio o uso de calzado (lembrade que tantas falanxes, tarsos e metatarsos son especialmente molestos ó repenicar contra o chan).

Hora de comezo, 22:30.

A bágoa máis longa

Ás veces soño contigo, sorrís cara o horizonte en silencio, sen mirarme, e cando vou secar as bágoas xa non estás.  Entón esperto e estou so no meu  cuarto, chorando baixo unha bóveda escura, lembrándote.

Nesta noite de mortos ollei o teu rostro no lume, mais non era un rostro san, non eras ti. As cabazas rían a cachón ensinando eses dentes podres, a xente bebía e enviaba conxuros ó ar desexosos de poder. Eu, so naquel lugar, ollaba o teu rostro no lume, coma unha pantasma que non recoñecía.

Espertei con suor coma diamantes na fronte, soñei que eras a morte e viñas por min. Non quero volver a verte así, por favor, inda queda para que nos reunamos.


Onde morre o sol

Para ela este non era serán de foliada, ela non esquecera que aquela era unha xornada de transición do coñecido ao descoñecido. Afastouse das luces da aldea e achegouse aos cantís. Escoita: na noite o son do vento e as ondas é sete veces máis profundo e estarrecedor.

Ergueita cabo do Atlántico, cegada polo ruxido dos tempos, sondou os abismais ollos do inverno e comprendeu que se completaba o ciclo. Non habería hoxe lume de teixo que a arredase do seu fado. Buscou en van acougo no Oeste, pois as bágoas enturbaron a escuridade na súa mirada.

Talvez os meus irmáns estean agardando por min alén das augas! Talvez a deriva me leve á Terra da Mocidade!

Xa escoitara o funesto salaio, xa perdera a batalla.

Pasados os tempos das lendas e dos bardos, quen chorará mañá por ti, filla de Breogán?

A CABAZA MÁXICA

Lentamente abrín os ollos e a chama converteuse nun gran escenario, un teatro só pra min: o único espectador da miña propia obra.

Os escintileos de luz suxerían formas humanas, rostros coñecidos que me acompañaban nun cálido baile lumínico. A cada labarada un rostro, a cada rostro unha frase, a cada frase un recordo e, nesa marabillosa asociación, aparecía o amoroso vinculo dos meus antepasados. Podía sentilos e ouvilos, penetrando na miña mente os seus doces susurros. Non había medo porque a morte deixara de existir. Non podía valorar nin xulgar; unicamente sentía esa paz que só os gratos recordos poden proporcionar.

As voces ían afastándose da miña mente como as ondas da beira.

Pechei os ollos, separei o meu rostro e ao abrilos de novo me dí conta que fixera a cabaza perfecta pra o Samain: baleira de polpa pero chea de recordos.


A misa de defuntos

Correron a carón das tumbas, case sen folgo agocháronse  detrás dun panteón. Non se coñecian pero o aburrimento da misa de defuntos e o vento traveso que lle fixo voar a perruca ó cura converteunas en mellores amigas. Un ataque de risa e a mirada asasina das súas nais fixeron  o resto. Recuperado o alento, atrevéronse a asexar por entre as cruces cara o camposanto. O luscofusco non as deixaba recoñecer as facianas. Onde estaban a súas nais? Por qué ninguén lles resultaba coñecido?

Sentiron unha voz as súas costas: “Agora xa non estades tan ledas…” Unha caveira sorinte con traxe de cura era a que falaba.

Miráronse cheas de pánico.

Colléronse da man e botaron a correr, caza vez maís rapido, cada vez maís lonxe…

A canción

Naquela casa morrera un rapaz atrapado nun incendio. Non puideran sacalo a tempo e desde fora escoitábaselle cantar, sabendo que chegara a fin. Transmitía unha paz macabra. Os bombeiros apuraban a extinción desesperados cando deixaron de escoitar a súa voz. Máis tarde, atoparían o corpo inerte.

Anos despois, Clara fora vivir a aquela mesma vivenda e, cada noite, escoitaba a melodía do moribundo. Soaba enorme, coma se tivese toda unha orquestra tocando no cuarto. Ela cubría a cabeza coa almofada, intentaba afogar a canción da morte, pero era en van. Polas mañás espertaba fatigada e polas noites medraba no seu peito o temor á escuridade e ao escuro son. Que era? Que quería aquela ánima?

Chegou o día de defuntos e a moza Clara semellaba estar entre dous mundos, cabeza e espírito deambulaban pola terra coma se xa pertencesen a outro lugar. Escoitou a música e finalmente ela tamén cantou.


Ninguén.

Todos teñen medo. Todos escapan do podre, do morto, do desagradable.
Todos foxen daquelo que cheira mal.
Todos berran ante a pel verde, ante o sangue, ante o corpo esmagado.
Todos.
Sen excepción.
Temen a morte. Asustalles a noite, as sombras. O camiñar por un bosque con lúa chea, co cruxir das follas secas baixo seus pés.
O pasear por unha rúa baleira dun pobo abandoado, dunha cidade pantasma.
O entrar de noite nun cemiterio, e o despertar dun morto vivente…
Todos.
Todos, todos temen.
Todos…
Pero ninguén nunca pregúntase a que lle teme el.
Ninguén ponse na pel dun zombi.
É demasiado verde.
Ninguén…

Autorretrato

Como todos os días un de novembro, a morte senta falar comigo. Ten unha memoria incrible. Ela mira amante no fondo dos meus ollos verdes, como os da avoa materna a tecer e destecer trenzas no meu pelo cando nena. Pasa os dedos ósos entenrecidos a debuxar as miñas meixelas finas como as da nai do papá. Cólleme a man, tan frías, mentres as miñas bágoas esvaran contra o seu esqueleto seco de todos os porqués. Ela cheira a onde xacen todos os corpos nosos. A morte detense no meu ventre de concas conmovidas, o cordón umbilical do meu ó seu embigo.


A caveiras acesas

As caveiras acesas ás portas da casa.Dentro só se escoitaba o arrepiar dun can de palleiro o carón da lareira. Ela estaba nun lusco-fusco do sono, que non sabía moi ben se estaba soñando ou pensando esperta. De súpeto abriu os ollos na osuridade, igual que tantas noites atrás. Xa pensaba que volvería o insonio .Levantouse da cama e foi cara o cuato de baño, últimamente tomaba una infusión para dormir e a visita ao excusado pola noite adiante era obrigada.

O erguerse da cama notou algo raro, pesado, non era a primeira vez, e o vir para a habitación pasoulle o mesmo. Pensou que non había moito tempo lera que as persoas que espertan pola noite de súpeto, era pola presenza de alguén na habitación.

Entón agochouse na cama, acobillouse entre as mantas e leda pensou que, o fin  nesta noite tivera agradables visitas.

¿Alguén pode relevarme?

A miña inxenuidade acadou o seu punto álxido o día en que vin aquel grupo de encarrapuchados e pensei que eran mozos que viñan dalgunha festa de disfraces. Tampouco souben negarme cando aquela pálida muller encabezando o grupo me pediu que lle suxeitara  un anaquiño o cirio que levaba nas mans. Collino e saíu correndo como alma en pena, nunca mellor dito, e non volvín vela.  

De seguida me percatei que eu era a única persoa viva de todas elas, e lembrei as historias da santa compaña que a miña avoa me contaba cando eu era cativa.

Agora teño que atopar unha persoa disposta a ocupar o meu lugar e liberarme, pero todo o mundo foxe de nós. ¿Onde están os que dicían quererme, e a solidariedade da que tanto presumimos os galegos?.

Este micro relato é a miña última oportunidade, seino. Polo amor de Deus, ¿ alguén pode relevarme?.

 

 

 

 


Non son quen!!!

Non son quen de dicirche nada, non son quen de mirarte á cara, non son quen… Paralizas a miña alma, arrepías o meu corpo e enches de desacougo o ar. Es a morte que me chama…e eu non son quen de dicirche nada!

A Pálida

Pálida,cun olhar extrano…,

Tecia calma coas suas mans intrincados desenhos no manto escuro da noite de defuntos.

Cada fío brilhante de vida enliado cos fíos negros case azuis do tempo xa esgotado..da vida vivida

Namentres as gotas liquanse dende o musgo da rocha…tic tac tic tac…  E ela fermosa, coa sua palida beleza caminha ataviada co seu novo ropaxe cara San Andrés de Teixido,e con voz baixa e susurrante fai-me saber que ha pensado moito em mi…


Truco ou Trato.

Mudou o sorriso por unha lambetada. Tornou a ledicia pola melancolía e transformouse nun ente negro,tenebroso e solitario.Gozaba alimentandose dos berros descontrolados, angustiados e profundos que a súa presenza provocaba naqueles que conseguian velo ou sentilo. Con total seguridade  podo decirvos que non había noite nin día onde o banquete non fora suculento e farturento. Agora ben ,lembraba dun xeito particular,emotivo,apesarado e nostálxico ,a primeira enchenta. Acontecera un 31 de outubro dun ano que non podía ou quería precisar .Mais un cambio importante chamaría con teima a súa porta.Tiña que ser! Non había volta de folla! Non servia recuar! E si ,tiña medo! Non era para menos !Porén ,hieraticamente afrontou o truco e renegou do trato.

UN DISFRACE DE MORTE

Pensaba en ti todo o tempo, mentres a miña vida tinguía de vermello a auga quente da bañeira.

Pensei en ti todo o tempo, antes e despois de voltar da rolda, cargada de doces e recordos.

A cabaza da xanela sorriume, ao ver o cartón de viño , a bolsa de cubitos de xeo, a Coca Cola de dous litros.

A cabaza sorriume, e con moita retranca díxome:

– Parece que a festa vai ser de medo

-Si, contesteille. Hoxe é Samaín, e teño un disfrace de morte


Amada miña

Morte, ven. Lévame lonxe onde ninguén poida vernos.

Estou namorada da túa alma, do teu cabelo de ouro, da túa tostada pel, dos teus beizos ardentes e do teu acolledor sorriso.

Amiga, confidente de amargas ilusións. Espantoso mollo de ortigas e arbustos. Ardor, esconxuro de ras e sapos. Viva chama de gasolina que queima, queima e leva consigo todo. Ceo de estrelas estreladas. Noite escura de bravo mar.

Quero casarme contigo. Levar no meu dedo anular un anel co teu nome. Percorrer cada parte do teu corpo ata converternos en ardentes cinzas.Quéreme amada doncela. Que será de min  sen vos?

Ven xa amada miña.

O oubeo

Ninguén sentiu o oubeo. Alguns xuraron telo escoitado ao calor do lume na vella taberna, e mesmo creeu ter visto sobras esvaecerse entre as canellas do barrio baixo.

Ninguén sentiu o oubeo cando un sangue espeso como o mel deixou aquel corpo, colouse entre a taboas do piso, e foi tinguir de vermello o lombo da vaca na corte.

Co amencer, os berros da xente e o latir dos cans, espallaron un medo que se perdía na noite dos tempos e que entrou nas casas coma o frio do inverno. Coa primeira luz os homes armados de fouces e forquitas cruzaron o bosque na percura de vinganza. O gando non saiu, os nenos non foro á escola.

Ó anoitecer un vello lobo de lombo gris xacía pendurado do único punto de luz que quedaba na praza. O pobo durmiu tranquilo mentres no seu leito, Romasanta agardaba a vindeira lua chea


Dos péndulos da imaxinación

A única maneira que tiña de librame del era rezando.

Todo o que estaba a pasar a miña arredor era mentira, todo saía da miña imaxinación. Estaba soa e consumíame o medo, o medo do que el se alimentaba, sentín como me rasgaba a pel e consumía a miña alma, todas as cruces quedaron colgadas cara abaixo e sentín coma eu tamén descendía, podía oler a morte, non podía nin respirar, ata que espertei, vínme rodeada outra vez daquelas paredes cor branco, e un médico examinándome:

-Outra vez un ataque; escoitéino dicir

-Será mellor sedala ata mañá.

Outra vez, el detrás, atormentándome, non era un sono como eu quería, era a realidade.

Pronto chegará.

Cada mañá percorría o mesmo camiño pero aquel día decidiu dar a volta pola viña do avó.

Facía anos que non pasaba por alí pero por un intre picoulle a morriña.

Tentou seguir polo regueiro da fonte ata o castiñeiro pero os toxos non lle deixaron. Noutrora estaría limpo pero a xente xa non cuidaba das fincas.

Torceu entón polo camiño da Valdemoura a carón do cruceiro de San Campio.

Deu uns cantos pasos e topouse cá Poza do Santo. De nena adoitaba beber dela pero xa non confiaba na súa pureza. Agachouse pra se refrescar a faciana pero o abrir os ollos, quedou fixa mirando o seu reflexo distorsionado na auga. Algo non ía ben. O corpo escorregábase coma unha lamprea pola roupa e a face cada vez estaba máis preto da poza. Tremelaba coma unha vara verde. Quitou o pano da cabeza e sentiu o frío.


A casa estaba abandonada dende facía moito, moito tempo.

“Non entredes aí; nunca poderedes saír”, advertíalle sempre a nai dun deles. Pero facelo era o seu gran reto.

Aquela sufocante tarde de verán, mentras os demais durmían a sesta, cruzaron o agestre xardín e empuxaron a entreaberta porta principal. A escuridade da estancia non lles impedía ver o fondo. Os seus ollos craváronse naquelas figuras, naquela escena. Paralizáronse. De súpeto un berro inhumano rompeu o silencio. Estremecéronse e sen dicir nada, saíron correndo cada un a súa casa. Xamais contaron nada; xamais falaron entre elles do visto aquela tarde, na que o medo metido no corpo, nunca os abandonaría ….. e diso, xa fai trinta anos.

A alma envolta nunha negrura espesa. A noite, neboenta e fúnebre.

Un fume irrespirable.

De súpeto, un destello.

Avanzo coas catro extremidades sobre o chan. Un frío de morte instálase na medula dos meus ósos. Invádeme un medo paralizante. O vento xélido fíreme o rostro.

Outro lóstrego. O resplandor descúbreme o corpo dunha muller de costas, deitada. Ás escuras avanzo cara a ela. O corazón latexa máis rápido. Os meus dedos perfilan a súa silueta morna, comezando polos pés. As mans ascenden. Chegando ó peito detectan un tacto viscoso e quente que se intensifica a medida que se aproximan ó pescozo. Suxeito a cabeza polas meixelas. Suavemente, encaro o seu rostro co meu.

Un violento destello devólveme a verdade: a muller degolada son eu!


Sensación estraña na que a nosa alma se atopa refuxiada no máis profundo do noso ser. O noso corazón bombea sangue negro para avisar ao resto do corpo de que se aventura un perigo. Todos os músculos se atopan ríxidos coma o aceiro. Os ósos están rodeados dunha néboa densa da que son incapaces de saír. A través dos nosos ollos só se ve un mundo de escuridade, un mundo no que as portas nos acollen para protexernos do gran perigo.

O medo, unha capa negra semellante á dun zombi que se quita e se pon ao antollo de cadaquén. Un diaño malvado que vive no inferno e só fai ben cando dorme.

Unha serpe que percorre vidas e momentos. Un puñal asasino que non para ata acabar connosco. Unha loita contra o reloxo da que non saímos facilmente.

Eu vino varias veces mentres durmía. É un espírito vivo do cemiterio.

Teño medo.

Mírome no espello e vexo unha persoa enferma. Paso a miña man pola cabeza calva

e penso:

Teño medo.

Levo un ano de quimio; todo ía ben, pero torceuse. Cada día atópome peor e só

penso:

Teño medo.

Cando o médico me di que o cancro se volveu terminal, penso:

Teño medo.

Teño medo da morte, da inexistencia.

Pero saio do hospital, vou cos meus amigos, coa miña familia e, como persoa que

son, penso:

Teño esperanza.


Abrín os ollos. Amarelo e marrón. Cortinas de flores, cadeiras cheas de caixas e cadros fartos de couzas e moscas. Unha capa de suor fría cubría todo o meu corpo. Notaba o cabelo húmido, doíame a cabeza. O estómago ardíame. Conseguín localizar o meu reflexo no teito.  Había un espello.  Estaba tombada boca arriba, tiña as mans atadas sobre a cabeza. Tratei de virarme, non puiden. Os meus beizos non se despegaban, doían. Empecei a chorar. Traguei saliva. Metal. Tiña algo na boca.

Onde estaba? Oín un ruído por primeira vez. Pasos. Moitos pasos. Alguén falaba en voz alta. “E na habitación do fondo temos á recén chegada! É a miña favorita, pero agardo que pronto tamén sexa a vosa”. Oín un golpe seco preto das miñas costas, aire frío, erizóuseme a pel. “Mírena. Fíxense nos detalles! Paseime horas perfeccionando ese sorriso!” Que?

A casa estaba chea de xente. Pululaban dun lado ó outro entretidos en cousas absurdas. Servindo comida a quen non probaba bocado e falando do tempo.

No xardín o ceo comezaba a asomar o seu reflexo macelento e semellaba que as formas tornaban á vida.

Ela cavilaba no porche á procura dun senso a aquel momento. Unha brisa fresca encolleuna na cadeira. Tentou levantarse pero o frío paralizáballe as pernas que tremaban e non termaban dela.

Ó frente, entre o ar que formaba remuiños, creu miralo.

Sentiu unha punzada no peito e o corazón desbocábase en vagas que iban e viñan afoutando o desexo de fuxir correndo.

Ela sabía que él quería  algo. Algo que él non entendía e que o tiña desacougado.

Pero ¿cómo explicarllo?, ¿cómo facerlle ver o que nin ela mesma comprendía?.

Tentou sorrir pero foi imposible. Daquela mirouno cariñosa.

O ar bateu forte e despois unha brisa suave alumiñou a súa cara.