Deixei a bici apoiada nun dos grosos muros do inacabado templo. Baixei con moito tento as estreitas escaleiras cegado aínda polo intenso sol do mediodía.
Mentres os ollos se ían adaptando á penumbra, o primeiro que vin foron as tampas sepulcrais dos templarios, testemuñas inmutábeis naquel misterioso lugar.
Despois e repentinamente, coma todos os días, apareceu ela. De costas á única fiestra da cripta, a luz debuxaba unha auréola dourada moldeando o seu corpo espido e resaltando a súa longa melena loira. Colleume da man e xuntos cruzamos aquela porta milenaria.
Abrazoume, bicoume, espiume… fíxome o amor coa intensidade e a paixón de quen atesoura séculos de experiencia. Chegamos ao cume xuntos, fundidos nun só corpo, ao tempo que a súa figura se desvaneceu, deixándome só e nu deitado naquelas húmidas pedras.
Mentres collía de novo a bici para regresar ao pobo sentinme afortunado por querer buscar o tesouro do castro.
Afortunado por non atopalo e, pola contra, ser castigado co maleficio da Moura da Cidade de Armea.