–          Xa podes pechar a boca e volver os ollos ás órbitas! Primeiro, pedirche desculpas pola teatralidade coa que te trouxeron: a venda nos ollos, os tapóns nos ouvidos, a capucha na cabeza, pero pasarán lustros antes de que coñezas o acceso a este lugar. Abóndache con saber que estás no fondo da Lagoa de Antela. Cando os nosos predecesores foron informados dos proxectos do xeneral Franco para esta paraxe, dando probas da grande eficacia que, como organización, nos ten caracterizado, convenceron ao caudillo da comenencia de dispor dunha discreta base de operacións. Evidentemente, don Francisco non precisaba coñecer o ámbito que abranguen as nosas actividades, abondaba con seducilo co secretismo e a opacidade das mesmas; a súa imaxinación nunca albiscaría a realidade que acabas de ver: a cura do cancro, a colonización de exoplanetas, a enxeñería social…! E ti, agora, formas parte disto, hai algunha pregunta que queiras facer?

–          Daquela, a colleita deste ano vai ser boa!?

–          Non volo tiña dito? este pequeno Iván é un Crack!