Era unha muller de ollos escuros, chamada a vivir mil anos, pois menos non merecía a súa beleza. Alí apareceu, sen vida, flotando sen rumbo dentro da lagoa, como unha folla movida polo vento sen poder opoñerse. Non había ninguén na aldea que non soubese dela, a súa lenda estábase creando e con cada palabra alimentábase máis o mito.
A lenda non se deixaba morrer, cando o recordo ía apagándose a lagoa volvía renacer e somerxía aos aldeáns naquela situación onde o medo vivía coma un máis deles. Infertilidade, desaparicións e incluso mortes eran os síntomas dun pesadelo do que a xente da Limia non era capaz de fuxir.
Pasarían máis de corenta anos de penumbra ata que a paciencia do pobo chegara ao seu limite, debían facer algo. Os libros contan como a Lagoa de Antela foi desecada co único fin de aproveitar os recursos que a terra ofrecía, máis iso non é certo, pois nas noites máis escuras aínda se pode oír a voz daquela rapaza maldita.