Tempo atrás, resoaban lendas da Lagoa da Antela que asolaban toda a provincia de Ourense, entre elas a de Antioquía; esta cobrou tanta forza, que espertou a intriga en Alana, unha rapaza desexosa de vivir novas aventuras que non puido resistir a tentación de ir en busca da cidade asolagada. Disposta a todo, aventurouse na súa procura adentrándose na lagoa; a medida que mergullaba máis e máis o seu corpo, podía sentir como a maxia daquel lugar chamábaa e suplicáballe formar parte dela, e escribir así na historia unha nova lenda, onde Alana metamorfoseou o seu corpo e a súa alma nun fermoso salgueiro que ata o fin dos tempos sería azoutado polos ventos cada vez que alguén pronunciara o nome da rapaza, deixando así caer cada vez unha póla sobre a lagoa, creando da nada plantas acuáticas que enredarían ós novos visitantes facéndoos perecer no fondo, acompañando así ós afogados de Antioquía. Dende entón, procuramos manternos o máis lonxe posible da Lagoa de Antela e da súa perigosa maxia.