Non había nada máis que luz e escuridade. Polo tanto, alí estaba todo.

Cada certo tempo, un espectador vítima do azar dicía ter desfrutado dun espectáculo único. Nunca coincidían na descrición do suceso, se acaso foran algunha vez capaces de explicalo. Falaban de maxia, do pasado e do futuro salpicados polo presente, de seres irreais, de auga xeada e de lume con formas incomprensibles. Murmuraban, discutían, berraban, charlaban, recitaban e xesticulaban na procura da verdade.

Pero que se agocha en realidade detrás daquel misterio? Foron millóns os que se achegaron durante séculos a contemplar aquel rebulir incesante, e todos chegaban a unha conclusión que nada tiña que ver coa dos demais: o acordo común era un imposible. E sen embargo, aquela marabilla da natureza agochaba a verdade máis sincera, a máis real.

Alí estaba a vida, composta por milleiros de imaxes e verbas que se mantiñan na superficie, empurradas polos recordos agochados en cada unha das bágoas que rematan a súa andaina na lagoa de Antela. Luz e escuridade. Todo.