Non se lles permite as embarazadas dubidar nesas noites que posúen a tranquilidade das augas paradas. Son como a superficie lisa dun lago que oculta a putrefacción. Acéndese o lume nas lareiras e como non serve empregar as armas para defenderse, contribúen con rituais a fortalecer a crenza das mulleres nas que prendeu a semente: Verten fermentos no chan, debuxan xeometrías con terra negra, contorsiónanse, machucan insectos, debullan novas oracións na lentitude coa que se cociñan os bolos de pan. Entre esa barreira protectora o mal ulisca excitado os rastros da debilidade. Se non atopa ningunha mácula, emprega a habilidade xelatinosa dos cefalópodos para introducirse nas casas, zugar nos úteros e marchar cos fetos inseridos no seu corpo desosado. O peor sucede cando acha indicios da culpabilidade e deixa que os bebés collan forma no ventre.