Bebé-Deus vive nun cuarto sen paredes rodeado de xoguetes que, de vez en cando, racha para saber como funcionan. Cando ten fame ou sede, nútrese cos alimentos que a Nai Terra fai abrollar á súa vontade. Cando sente frío ou o vence o sono, acobíllase en niños e recunchos abrigados. Adora ao Pai Sol, que lle dá calor de día e pola noite móstralle a infinitude do cosmos por onde pode voar en fermosos soños. E, por veces, ao soñar inventa xogos e crea xoguetes novos.
Bebé-Deus inventou un espello para mirarse, mais non lle prace a imaxe que o vidro lle devolve. Encabuxado, racha centos sen lograr un reflexo favorable. Agora está canso, enrugas de ancián aparécenlle na fronte. E o do espello, argallando historias que o Bebé imita, preme coa man unha pequena pistola e apunta con ella á súa propia tempa.