Abrín os ollos. Amarelo e marrón. Cortinas de flores, cadeiras cheas de caixas e cadros fartos de couzas e moscas. Unha capa de suor fría cubría todo o meu corpo. Notaba o cabelo húmido, doíame a cabeza. O estómago ardíame. Conseguín localizar o meu reflexo no teito.  Había un espello.  Estaba tombada boca arriba, tiña as mans atadas sobre a cabeza. Tratei de virarme, non puiden. Os meus beizos non se despegaban, doían. Empecei a chorar. Traguei saliva. Metal. Tiña algo na boca.

Onde estaba? Oín un ruído por primeira vez. Pasos. Moitos pasos. Alguén falaba en voz alta. “E na habitación do fondo temos á recén chegada! É a miña favorita, pero agardo que pronto tamén sexa a vosa”. Oín un golpe seco preto das miñas costas, aire frío, erizóuseme a pel. “Mírena. Fíxense nos detalles! Paseime horas perfeccionando ese sorriso!” Que?