Entre o salitre do ceo, as augas do Aqueronte triscan os soños que quedaron por, segundo, sen, sobre e tras de min. Oxido o fígado cos últimos azos de presente mentres, tremendo, o meu corpo se converte nunha órbita de helio espallándose na eternidade do horizonte ata que a gravidade, como un coitelo afiado, decida encarnar un novo comezo.  A vida é unha barquiña de cristal na que as primaveras, a ritmo de Bach, lubrican os derradeiros hálitos que manteñen vivo o principio do medo. O alento robotizado dun respirar entre catro paredes, aquel que ouvea ao futuro no medio dun piñeiral, o do primeiro grolo de licor, rápido e insconciente ou o que entregas por completo a eses ollos que, entre linguas, bicaron o máis íntimo da túa matriz; ese é o mesmo que che arrincará a vida dos beizos para embalsamarte, por sempre, na escura apnea do alén.