A alma envolta nunha negrura espesa. A noite, neboenta e fúnebre.

Un fume irrespirable.

De súpeto, un destello.

Avanzo coas catro extremidades sobre o chan. Un frío de morte instálase na medula dos meus ósos. Invádeme un medo paralizante. O vento xélido fíreme o rostro.

Outro lóstrego. O resplandor descúbreme o corpo dunha muller de costas, deitada. Ás escuras avanzo cara a ela. O corazón latexa máis rápido. Os meus dedos perfilan a súa silueta morna, comezando polos pés. As mans ascenden. Chegando ó peito detectan un tacto viscoso e quente que se intensifica a medida que se aproximan ó pescozo. Suxeito a cabeza polas meixelas. Suavemente, encaro o seu rostro co meu.

Un violento destello devólveme a verdade: a muller degolada son eu!