Ás veces soño contigo, sorrís cara o horizonte en silencio, sen mirarme, e cando vou secar as bágoas xa non estás. Entón esperto e estou so no meu cuarto, chorando baixo unha bóveda escura, lembrándote.
Nesta noite de mortos ollei o teu rostro no lume, mais non era un rostro san, non eras ti. As cabazas rían a cachón ensinando eses dentes podres, a xente bebía e enviaba conxuros ó ar desexosos de poder. Eu, so naquel lugar, ollaba o teu rostro no lume, coma unha pantasma que non recoñecía.
Espertei con suor coma diamantes na fronte, soñei que eras a morte e viñas por min. Non quero volver a verte así, por favor, inda queda para que nos reunamos.