– Deixa iso! – reprendeulle a avoa ao neto, dándolle un azoute.
Ela apartoulle as mans do prato onde repousaban sete candeas acesas. No fondo, unha balsa de aceite rexeitaba a cera candente que se derramaba. O rapaz apagara unha e cuns mistos importados da capital volveulle prender lume.
– Para que serven os cirios?
– Hoxe, meu neno, é a noite de defuntos e cómpre que teñamos con nós a todos os familiares que morreron. As candeas serven para recordalos, mais tamén para que acaden o ceo o antes posible.
– Están aquí agora mesmo? – inquiriu el cun sorriso destemido.
– Si. As ánimas están a acompañarnos durante esta velada. Teñen ese don. Durante unha noite ao ano, poden visitar os seus familiares. É por iso que debemos coidalos e atendelos ben. Non lles ha faltar calor, nin comida.
– E que comen os espíritos?
– As sobras dos mortais.