─Papá Antonino, cóntame a historia da descoñecida!─ insistinlle. Meu avó , fervente devoto do relixioso e escéptico do inexplicable, emitiu un ”non” seco e de escasa sonoridade. Así e todo, incómodo na súa poltrona, lembrou para min como cincuenta anos atrás, nunha noite serena e estrelada de outubro o imposible saíulles ó camiño ó meu tío Paquiño e mais el.
Unha áxil, esvelta e escura figura feminina deslizábase ante os seus incrédulos ollos a varios centímetros sobre o húmido e fértil chan, sorteando as viñas e sen deixar pegada ningunha. Quen é esa pantasma que aí vai,que nin saúda os veciños?─berroulle o meu avó. Aquilo continuou o seu camiño lineal, nun percorrido no que valados e paredes se abrían ante ela para darlle paso e posteriormente esvaecerse.
Varias décadas despois, a lámpada do meu cuarto segue a alumear os meus pesadelos cando a descoñecida emerxe dos meus recordos infantís.