-Escoita Manuel.

-Que queres Lola?

-Dime que me queres.

-O que?

-Dime que me queres.

-Pero muller, estamos na misa. Fala baixo. A que ven iso agora?

-Levamos corenta e dous anos casados e coido que nunca mo dixeches.

-Estás a facer que me sinta avergoñado. Agora non. Ao saír falamos.

-Non. Ten que ser agora. Dime que me queres.

Primeira Carta do Apóstolo San Paulo aos Corintios…

-Está ben…saiamos ao atrio.

A luz daquela fría tarde de novembro esmorecía mentres a chuvia repenicaba no chan e o vento asubiaba. Os da funeraria xa tiñan todo preparado para meter a caixa da defunta no nicho. Lola non aguantou máis e rompeu a chorar.

-Quérote Lola, quérote moitísimo-,díxolle Manuel.

-Xa o sei meu ben. Pero a vida é tan curta, e custa tanto dicir o que sentimos…non quería que me pasara o mesmo cá defunta. Quería escoitarcho dicir.