Onde morre o sol

Para ela este non era serán de foliada, ela non esquecera que aquela era unha xornada de transición do coñecido ao descoñecido. Afastouse das luces da aldea e achegouse aos cantís. Escoita: na noite o son do vento e as ondas é sete veces máis profundo e estarrecedor.

Ergueita cabo do Atlántico, cegada polo ruxido dos tempos, sondou os abismais ollos do inverno e comprendeu que se completaba o ciclo. Non habería hoxe lume de teixo que a arredase do seu fado. Buscou en van acougo no Oeste, pois as bágoas enturbaron a escuridade na súa mirada.

Talvez os meus irmáns estean agardando por min alén das augas! Talvez a deriva me leve á Terra da Mocidade!

Xa escoitara o funesto salaio, xa perdera a batalla.

Pasados os tempos das lendas e dos bardos, quen chorará mañá por ti, filla de Breogán?