Entre cores laranxas e negras todo o mundo ría… candeas, cabazas… e ninguén vía, en medio de tanto rímel, o meu medo, o de verdade.
Era o momento perfecto para me esconder.
Pero a miña alma berraba.
Unha meniña disfrazada de bruxa achegouse e díxome:
- As túas bágoas brilan.
E marchou.
O medo mudou. Xa non pesaba tanto. Non estaba soa.
Ao día seguinte, fun mercar unha caixa de pinturas de cera con purpurina… para tornar o medo, aos dous días unha goma de borrar malos pensamentos, ao terceiro un caderno no que debuxar cousas leves… e así, aos poucos, co corazón ocupado, chegou a primavera.