O lume era música na casa baleira. No murmurio das lapas resoaban aínda os cantos do xentío no cemiterio. Mais o ritmo sincopado das chispas rebotaba nas paredes e traía de novo, inevitablemente, a soidade. Como non achegarse buscando un pouco de calor?

Fitou no lume mentres pelaba as últimas castañas. Mañá comería a outra metade. Outra vez asara bullotes para dous.

Mirou alí onde nace o lume. A ese punto onde o laranxa, o negro e o azul son case a mesma cor. Naquela incerteza cromática viu pestanexar uns ollos. Nunca tivera claro de que cor eran.

No mexer das lumaradas viu o seu corpo aloxándose. Bailaba só os puntos e quería bailar con el as voltas. Non lle quedou outra que seguilo.

Meteu a outra metade das castañas no peto.

E queimáronse.